Hai pouco máis dun ano que na vila mariñeira de Bouzas, á beiriña mesmo do mar, nas instalacións do egrexio Liceo Marítimo, un grupiño de intrépidas e intrépidos navegantes constituímos Cabo do Mar, á que puxemos o apelido de Asociación de Cultura Marítima e Navegación Tradicional.
Naquela altura dispoñiamos pouco máis que da nosa vontade férrea e unha idea clara: crear un espazo útil e acolledor para quen día a día vogamos pola salvagarda da cultura marítima galega.
Hoxe, apenas uns meses máis tarde, Cabo do Mar aglutina varias ducias de persoas socias, unha pequena frota de embarcacións colaboradoras, un historial de actividade ininterrompida, frutíferas relacións con outros colectivos e un proxecto de futuro prometedor e emocionante a partes iguais.
Neste punto, sentimos que chegara a hora de compartir co mundo enteiro a nosa singradura… e aquí estamos.
Como dixo o outro, saúde e centolas!
Deixa unha resposta