O Festival Azul 2025 chegou ao seu fin e concluímos a nosa primeira participación no mesmo.
O festival celebrouse apenas unha semana despois de inaugurarmos o noso espazo no mar na dársena da Laxe, dentro do entorno de Portocultura. Como colectivo, estamos tremendamente satisfeitas con esta rápida inmersión na dinámica deste espazo e na colaboración cos axentes que nel participan, moi especialmente co Clúster Náutico Rías Baixas, organizador do evento.
Nas mañás de xoves e venres, durante un total de oito horas, recibimos a escolares de diversos colexios de Vigo para compartir con eles algúns coñecementos relativos ás embarcacións tradicionais. Polas tardes, de xoves a sábado, repetimos a actividade para o público adulto estendéndonos un pouco máis e mergullando no papel histórico e características técnicas destes elementos patrimoniais.
Durante o domingo, participamos con algunhas das nosas embarcacións na regata inclusiva que reuniu a varias embarcacións de vela lixeira, vela tradicional e mesmo á goleta Evangelina. A frota atravesou a ria entre o Náutico de Vigo e as bateas de Moaña para deleite do público que acompañou dende un barco da navieira Nabia fretado para a ocasión.
En definitiva, catro días de intensa actividade que nos deixan un agradable recordo e que esperamos volver desfrutar o vindeiro ano.

Deixa unha resposta