Dorna e bote na ría de Vigo

Bo ventiño e catro pingas

Hoxe, 5 de xuño, desfrutamos de outra tarde de navegación coas socias e socios. Como levaba todo o día ameazando choiva, tivemos a ría toda para nós (e para os profesionais do mar, que nunca faltan).

Finalmente caeron catro pingas para que MeteoGalicia acertase o prognóstico. Pero isto non desluciu unha xornada na que, polo demais, gozamos dunha brisa moderada e constante sobre mar calmo: non se pode pedir máis.

Despois de bolinar un pouco para gañarlle algo ao vento, entretivémonos coa navegación de precisión, navegando cos barcos ben arrimadiños, separados un par de metros.

Rematamos a xornada separando as nosas proas, xa que este fin de semana participaremos no Encontro de Embarcações Tradicionais de Esposende (Portugal) e na Regata do Sepelo en Portonovo (regata inaugural da Copa Mörling de dornas a vela). Así que tocan varadas, botaduras e transportes por estrada para levar o patrimonio marítimo alá onde é requirido.

A Barola, bote da ría de Vigo


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *