No ano 2024 durante o encontro de embarcacións de Brest, ao cal Culturmar acudiu cunha dorna, fixéronse contactos cunha asociación local de patrimonio marítimo, Les Amis du Sinagot, con base en Vannes. Nestes contactos e nas charlas informais, notábase un interese en acudir ás distintas xornadas de patrimonio que organiza cada país. Pero a distancia por terra (2 mil kms) ou por mar (300 millas) dificultaban enormemente o traslado das tipoloxías do Finisterre bretón ao outro Fisterra.

Ao presidente da asociación bretoa, Daniel Fresnau, iluminóuselle a bombilla. Por que non mover só tripulantes e non barcos? E así llo plantexou a Culturmar, a cal elaborou un proxecto de intercambio de tripulantes cos bretóns. Nos criterios de escolla, poñíase moi moito énfase en que as distintas candidaturas fosen capaces de comunicarse noutro idioma, preferiblemente francés, ou de ser representantes do patrimonio marítimo ou da cultura galega.
Ao permitir presentar candidaturas mixtas entre varias asociacións, Cabo do Mar presentou unha candidatura conformada por varios socios da mesma, e outros da ENT Dorna, da Illa de Arousa.
O obxectivo principal deste proxecto era recuperar as relacións marítimas cos outros pobos atlánticos –reunindo ás nacións celtas– e de ver outras formas de traballar a prol do patrimonio.

A baía de Morbihan é un mar ben curioso. De feito en bretón, Morbihan, quere dicir “o mar pequeno”! Como se fose una miniatura de todo o océano concentrada nunha baía. Como os galegos sempre buscamos comparacións co noso territorio para comprender as situacións, poderíamos dicir que sería coma a Ria de Ferrol, so que máis estreita na bocana e con menos calado na mesma. Ainda que no interior alcanza profundidades de 20 metros! É por iso que cando a marea vai para arriba, ou vai para abaixo, na entrada da Ria fórmanse correntes de ata 9 nós! Unha vez pasados os dous puntos críticos que hai, o resto da baía é máis sinxela, inda que debido ás correntes, fórmanse o que eles chaman “marmitas”, remuíños nos que non podes facer outra cousa que deixar que te leve durante uns segundos, para despois retomar a navegación. Algún xiro de 360 graos temos visto neses remuíños.
A semana do golfo, pode convocar a 1.800 barcos tradicionais, de moitas diversas tipoloxías, e para facilitar o asunto divídense en frotas máis pequenas organizadas por esas tipoloxías, antigos barcos de traballo, veleiros clásicos, pequenos botes. Dependendo de cal é, será máis numerosa ou menos.
Así mesmo, para facilitar a xestión, en vez dun só porto, hai 17 portos involucrados, todo ao longo do espazo. Resumímolo en que cada porto recibe cada día unha tipoloxía diferente, e ao longo da xornada tes obriga de moverte. Como se Moaña hoxe recibise “dornas”, e mañá recibise “botes” namentres que as dornas teñen obriga de moverse a Redondela, e en Coruxo estivesen os Galeóns todos e ao día seguinte tivesen que marchar cara Arcade. Deste xeito, non empachan as asociacións locais, e poden xestionar as ceas e o acollemento das tripulacións.
Como dicíamos, as cifras marean, 1.800 barcos, 17 portos involucrados, 3.500 voluntarios, 300.000 visitantes únicos. O impacto económico calculado é de 7,2 millóns de euros, mentres que o orzamento da organización é de 1,5 millóns de euros.
A Semaine du Golfe du Morbihan é un destino turístico durante a semana de vacacións da ascensión, e as familias saben que poden gozar dun ambiente mariñeiro, vendo as embarcacións pasar -editan unha guía que regalan co xornal para que saibas en todo momento que embarcación tes diante-. Nos peiraos hai moitas actividades de entretemento familiar sempre relacionadas co mar, ben pasarrúas, clowns, acróbatas, etc. E pouco a pouco vai calando na sociedade o sentimento de pertenza ao ámbito mariño. Así non hai quen se aburra!

A asociación local que acolleu á delegación galega, Les Amis du Sinagot, teñen 3 barcos da tipoloxía Sinagot. Entre 10 e 13 toneladas de desprazamento, que se dedicaban a pescar ostras cunha arte que aquí chamariamos can. Alí chámanlle drague, e só pescaban ostras uns meses ao ano, para deixar rexenerar a baía no entanto. Utilizan velas ao terzo, encascadas por eles mesmos. De feito aproveitan o encascado para celebrar unha xornada de patrimonio marítimo cando lles toca facelo.
A semana pasouse navegando polos distintos portos, sendo a durmida en casas de membros da asociación, e na fin de semana cando abriron os stands de patrimonio, montamos un pequeno stand para promocionar o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrará en Ribeira.
Agora no mes de xullo, durante o encontro de embarcacións tradicionais de Ribeira, é a nosa quenda de acollelos e ser hospitalarios con eles. Dicir que o listón quedou moi alto pola súa parte, sentímonos auténticos membros da súa asociación, e nos abriron as portas das súas casas como se levásemos anos navegando xuntos.
Esta é unha primeira pedra dun intento de crear un proxecto de longo percorrido.
Kenavo!

Deixa unha resposta