Embarcacións tradicionais na ponte do Burgo durante a Feira Franca 2025.

Feira Franca

Onte, sábado 6 de setembro, embarcacións tradicionais de todo o país ocuparon a pontevedresa ponte do Burgo dentro do programa de actividades da Feira Franca.

A mostra reuniu dezaseis embarcacións entre as que se contaron dornas, gamelas, choupáns e botes de diferentes fasquías.

Durante toda a xornada un grande número de visitantes se achegou a desfrutar do espectáculo das velas ondeando en terra, tirar fotografías e conversar sobre o mar e os barcos de madeira coas numerosas voluntarias e voluntarios de Culturmar presentes.

Especialmente ben sucedidas foron as visitas guiadas polo noso compañeiro Víctor. Tanto de mañá como de tarde congregaron un público moi numeroso e participativo que desfrutou dunha profunda ollada ao noso patrimonio marítimo e unha animada conversa sobre os seus aspectos máis curiosos.

Esta mostra continúa a iniciativa do Concello de Pontevedra durante os últimos anos de incorporar as tradicións mariñeiras aos contidos desta festa de interese turístico galego. Iniciativa que celebramos e aplaudimos, xa que nos permite achegar o noso patrimonio marítimo e fluvial a un público que normalmente non ten fácil acceso a el.


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *