Como cada xoves, onte xuntámonos para sair dar uns bordos pola ría. O pronóstico era de vento frouxo e néboa, e non fallou. Na hora acordada para zarpar aínda había unha visibilidade mínima para unha navegación cautelosa, así que decidimos aventurarnos.

O que encontramos ao sairmos do porto non era unha brétema calquera, senón un neboeiro espeso que por momentos nos limitaba a visión a escasos metros.

Así que tivemos que conformarnos con movernos nas augas recollidas entre a escolleira de Bouzas e Cabo do Mar, zona que coñecemos con precisión e onde non acostuma haber moito tráfico marítimo. Extremando a vixilancia e recolléndonos cedo evitamos calquera tipo de incidentes.

Anda que curta, foi unha navegación desas que deixan imaxes imperecedoiras. É unha sensación difícil de describir a de se encontrar inmersos na total brancura e notar como comeza a materializarse a fasquía dunha dorna como se fose un barco fantasma.


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *