Con esta entrada inauguramos a nosa nova sección de recensións, onde recomendaremos lugares que visitar, libros, filmes ou calquera outra cousa relacionada co patrimonio marítimo que encontremos interesante. Esperamos que gostedes.
Situado en Vila Praia de Âncora, trátase dun pequeno pero interesante museo dedicado ao patrimonio cultural e natural marítimo da costa de Caminha, no que tamén se rende homenaxe ás súas xentes.
A entrada é de balde, e desde a parte superior da muralla hai unhas vistas espectaculares da zona de praias e do porto.
O museo está emprazado no Forte da Lagarteira, unha construción defensiva con planta de estrela de cinco puntas erguida entre os anos 1667 e 1705 e que foi declarada Monumento de Interese Público en 1967. Esta fortificación xunto co Forte do Cão (situado unha milla máis ao sur), encargábase da defensa da enseada de Âncora, unha área de grande importancia estratéxica na costa.
De recente inauguración (7 de xullo de 2025), o Espaço de Memórias do Mar amosa a estreita relación entre as xentes de Vila Praia de Âncora e o mar desde a prehistoria ata a actualidade. Isto faino a través de paneis informativos, pantallas interactivas e unha orixinal proxección de imaxes do fondo mariño nun dos estreitos corredores do forte o que produce a sensación de estar mergullado no océano.
A maiores, o museo conta cun auditorio destinado á realización de actos culturais.
Nos arredores do museo tamén se rende homenaxe aos pescadores da Vila, xa que tanto penduradas dun pequeno faro coma nas lousas do paseo marítimo pódese ver una escolma de marcas poveiras, símbolos que os pescadores locais usaban para identificar os seus aparellos e redes.

Deixa unha resposta