Aquamuseu do Rio Minho

Visita ao Aquamuseu do río Minho

Segue avanzando o inverno e Cabo do Mar continúa co seu programa de actividades culturais. Nesta ocasión, coincidindo co derradeiro día de febreiro, desprazámonos ata Vilanova de Cerveira para visitar o Aquamuseu do río Minho.

Alí asistimos a unha visita guiada na que o biólogo xefe do museo nos acompañou por diversos acuarios. Neles atópanse as especies de peixes que viven en cada tramo do río Miño, dende o seu nacemento nas terras de Lugo ata a súa desembocadura na foz do Minho. Troitas, sábalos, salmóns ou sargos, entre outros, foron os nosos compañeiros de viaxe durante a preto dunha hora e media que durou a visita.

Tampouco esquece o museo as problemáticas que sofre a día de hoxe o pai Miño. A contaminación, as especies invasoras ou os efectos que producen as presas nas especies migratorias son explicados perfectamente durante a visita.

Unha vez visitados todos os acuarios, saímos ao exterior. Alí coñecimos á londra Miranda, quen, coma unha raíña do rock, acaparou moreas de fotos mentres se lucía diante de nós.

Rematamos a visita nunha sala dedicada á pesca no Miño. Alí puidemos ver maquetas, roupas, diversas artes de pesca ou un carocho (lamentablemente recortado para a instalación dun motor foraborda).

Rematada a visita, non faltou quen mercase algún recordo na “loja do museu”, quen sucumbise aos encantos da feira semanal de Cerveira e, sobre todo, houbo que decidir democraticamente entre frango ou bacalhau. O resultado desta elección tan só o coñeceremos os asistentes…

Aquamuseu do Rio Minho

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *