Quen somos

Cabo do Mar é unha asociación sen ánimo de lucro destinada á salvagarda e promoción da cultura e o patrimonio marítimo, moi especialmente das embarcacións tradicionais galegas e as técnicas de navegación que lles son propias.

Fundación: 24/01/2024

NIF: G70804703

Num. Rexistro: 2024/26575-1

Compromiso coa cultura marítima

Cabo do Mar naceu na vila de Bouzas, en Vigo, o 24 de xaneiro de 2024.

Entre as fundadoras e asociadas contamos con persoas veteranas de longa traxectoria e amplo recoñecemento na salvagarda do patrimonio marítimo xunto a outras que descubriron recentemente este marabilloso mundo.

Cabo do Mar está aberta a toda aquela persoa que quixer contribuír para os nosos obxectivos.

De entre as moitas expresións culturais que existiron e existen nos nosos mares e rios, é a navegación en embarcacións tradicionais a que máis nos apaixona.

Por este motivo, a actividade de Cabo do Mar, aínda que diversa, xira arredor dos barcos de madeira, velas, remos e cabos; das manobras, os saberes mariñeiros, as técnicas construtivas e de navegación; o vocabulario, as expresións e a talasonimia.

Culturmar

Desde novembro de 2024 formamos parte de Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Culturmar é a grande familia da cultura marítima onde conflúen todas as correntes deste labor común.

Alén de servir como espazo de cooperación entre os colectivos federados, Culturmar organiza cada dous anos o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a grande festa da cultura marítima, e edita regularmente a revista Nova Ardentía.