Xa pasou unha semana desde a clausura do décimo sétimo Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado en Ribeira, pero a maior festa, maior resaca… e este Encontro foi unha inmensa festa do patrimonio marítimo e fluvial.
Esta edición foi especial, porque a nosa grande festa itinerante volveu ao porto de onde partiu hai 32 anos, naquel primeiro Encontro de 1993 tamén da man da Real e Ilustre Cofradía da Dorna.
Durante os catro días que durou o Encontro puidemos compartir experiencias con centenas de tripulantes que achegaron máis de 130 embarcacións tradicionais chegadas de todos os recantos da nosa costa e de outros países.

A organización do evento preparara un programa ateigado de contidos, exposicións, obradoiros, música e unha infinidade de actividades para enchermos os escasos momentos entre navegacións.
Pola nosa parte, aínda que inicialmente só inscribimos as nosas habituais embarcacións colaboradoras de pequena eslora, nesta ocasión tivemos o privilexio de gobernar a lancha xeiteira Nova Marina, que a ENT Dorna da Illa de Arousa nos cedeu para participar no evento.

En definitiva, catro días inesquecíbeis que culminan o esforzo de dous anos de preparación que se deixaron ver en cada pequeno detalle. Catro días que renovan as nosas enerxías para seguir a traballar na salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial.
Deixa unha resposta