Dorna Josefa

Xuntanza en Moaña

Onte, sábado 9 de agosto, asistimos á vixésima edición da Xuntanza de Embarcacións Tradicionais que cada ano organiza a asociación Sueste.

A sorte acompañounos na travesía dende o Berbés. Encontramos un denso neboeiro en Bouzas, e tamén na Guía, pero todo despexado no rumbo norte directo a Moaña.

A Barola, bote da ría de Vigo

Despois da reunión na rampla da Mosqueira e de saudar ás numerosas amigas e amigos que se achegaron á xuntanza, puidemos desfrutar dun par de horas de navegación marabillosas con un ventiño fresco que nos permitiu percorrer a enseada varias veces entre barcos de moitas tipoloxías tradicionais. O xusto para abrir o apetito de desfrutar dun xantar espectacular que os anfitrións nos tiñan preparado.

Na sobremesa, achegámonos ás carpintarías de ribeira de Casqueiro e Carlagho para coñecer de primeira man o proxecto de rehabilitación en curso que concluirá moi pronto.

Aínda tivemos tempo, entre despedidas, de darmos uns derradeiros bordos polo mar de Moaña antes de poñer proa á Laxe e, un pouquiño a vela e outro pouquiño a remo, finalizar unha xornada memorable como sempre que organiza Sueste.


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *