Este sábado 16 de agosto remontamos a ria até o seu mesmo nacemento para participarmos na Recalada. Trátase dunha xornada de celebración da cultura mariñeira –organizada polo concello de Soutomaior– que inclúe música, gastronomía, artesanía e actividades náuticas.
Ás 7 da mañá largamos amarras dende o Berbés, acompañados pola gamela La Guardia, que se achegou para compartir travesía con nós. Os elementos aliáronse con nós e a néboa prevista para a mañá demorou máis do esperado, concedéndonos unha travesía clara e sen incidentes.
Xa no porto de Arcade encontramos unha variedade de embarcacións tradicionais de diferentes tipoloxías e procedencias, convocadas por Culturmar. Tanto pola mañá como pola tarde tivemos a oportunidade de compartir co resto de participantes a navegación polo máis profundo da enseada de San Simón.
Neste ambiente mariñeiro e festivo pasaron as horas voando, así que non emprendimos o regreso até a tardiña.
O vento de proa e a marea enchente atrasáronos, así que a noite foi pechando sobre nós. Sorte que a compañía era boa –compartimos derrota cos compañeiros de Moaña e da Guarda– e que iamos ben atentos aos instrumentos de navegación.

Deixa unha resposta