Cando os primeiros motores foraborda chegaron a Galicia

[custom_author]

Co gallo da próxima celebración na Illa de Arousa dunha regata de dornas propulsadas por motores Seagull e EMECE, pensamos que sería apropiado reproducir aquí o texto da exposición sobre estas máquinas elaborado polo noso compañeiro Víctor Fernández para o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, celebrado en Ferrol no ano 2007.

Exposición de motores foraborda no VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, Ferrol 2007.

Coa chegada dos foraborda os mariñeiros gañaron en seguridade, gañaron independencia respecto das condicións climatolóxicas, gañaron nas condicións laborais e en definitiva gañaron en calidade de vida.

A mediados do século XX comezaron chegar a Galicia os primeiros motores foraborda. Ata entón os mariñeiros das pequenas embarcacións como gamelas, chalanas, dornas, botes, bucetas, etc. tiñan que remar de 4 a 8 horas para ir e voltar da zona de pesca.

Cando o vento era propicio empregaban as velas, co que o esforzo era menor. Cando as condicións metereolóxicas volvíanse adversas moitas veces os mariñeiros tiñan que buscar abrigo nalgunha cala, tendo que esperar a que mellorara o tempo, o que podía ocurrir pasado algúns días, sin ter forma de comunicar coa familia.

Normalmente estes motores traíanos mariñeiros galegos enrolados en buques que viñan do extranxeiro, recorrendo a miudo ao inxenio para escapar do pago da aduana. Temos escoitado a algúns destes mariñeiros contar como metían os forabordas en bolsas de plástico ben pechadas e unhas millas antes de chegar a porto, nunha zona ben coñecida por eles, largábanos pola borda quedando fondeados ata que o día seguinte os ían recoller con algún aparello dende a chalana (parece que o truco segue a empregarse pero con outros materiais máis nocivos para a saúde).

Anuncio dos motores British Seagull.

A chegada dos forabordas a nosa terra foi rematando aos poucos coa navegación a remos e a vela. Para os amantes das embarcacións tradicionais poidera parecernos que estes motores acabaron coa beleza e o romanticismo que supón a navegación a vela, máis por riba de todo debemos valorar a vida e a seguridade para os mariñeiros. Como comentaba ao respecto un dos nosos compañeiros, “grazas á chegada dos forbordas, meu pai ía ao mar máis seguro e eu mirabao tódalas noites” .


Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *