Visita ao Meirande

Como cada ano, rematada a temporada de navegación, comezamos o noso programa de actividades en terra para seguir achegándonos ao patrimonio marítimo en todas as súas facetas.

Hoxe, sábado 28 de novembro, achegámonos a Redondela para visitar o Meirande, o centro de interpretación da Batalla de Rande, e deixarnos levar ata o outono de 1702.

Da man de Soledad, a nosa guía, percorremos as salas do centro nunha visita tan enriquecedora coma amena, na que houbo historia, datos sorprendentes, animadas conversas e tamén, por que non, un pouco de chanza (querido José Sarmiento de Valladares, dandi de Saxamonde, marchamos namorados do teu enigmático ollar).

Agradecemos a Soledad e ao equipo do Meirande o seu tempo e a súa paixón, e animamos a todas as persoas interesadas no patrimonio marítimo a achegarse a Redondela e mirar a ría de Rande con outros ollos.